Niveis e metodoloxía

Este curso arrincamos con dous niveis: 

DENDE CERO se nunca antes bailaches lindy hop ou solo jazz (depende ao que te queiras apuntar) e queres coñecer os rudimentos e as bases de xeito sólido.

MULTINIVEL se levas polo menos 3 ou 4 meses bailando, ou consideras que xa dominas as bases: algúns ritmos básicos con triple steps e kicks e algúns pasos básicos como o swing out.  Este multinivel divídese en dúas opcións: multinivel cañero e multinivel relax, e iso non vai depender das túas capacidades ou dos pasos que saibas facer. Iso só vai depender da caña que ti te queiras meter no baile.

Por tanto, á hora de escoller nivel, isto podería ser unha boa guía:

Nivel dende cero: primeria vez que bailo esta modalidade
Multinivel relax: teño base e quero seguir aprendendo sen prisa
Multinivel cañero: teño base e estou preparada para aprender a bo ritmo, asumindo retos

Como este é un sistema que implementamos este curso por primeira vez, comprendemos que poidas ter algunhas dúbidas. Aquí tratamos de resolver algunhas delas, pero se tes algunha outra dúbida, escríbenos!

  • Teño que estar todo o curso no grupo que escollo o día da inscrición? Non, podes pasar unha tempada en nivel relax, e se de repente queres máis caña podes falar connosco para pasar ao cañero, ou viceversa.
  • Podo inscribirme en multinivel cañero un día da semana e multinivel relax outro día da semana? Sen problema, así vivirías dúas experiencias de aprendizaxe diferentes con persoas diferentes. Neste caso o prezo correspondería ao de “dúas clases á semana” na táboa de prezos.
  • A veces tardo en pillar as cousas durante as clases, ten sentido que me apunte ao multinivel cañero? Ten sentido sempre que a túa atitude sexa seguir traballando no concepto, sen frustración pero con tenacidade. Multinivel cañero non significa que esperemos de ti que fagas cousas complexas, significa que esperamos que a túa actitude frente ao baile sexa de ganas de traballo e superación.
  • Se me apunto ao multinivel relax, aburrireime na clase? O multinivel relax tampouco significa que fagamos cousas súper sinxelas… faremos cousas complexas tamén pero iremos traballando con calma, ata que consigamos superalas. Iso sí, se sintes que neste nivel o ritmo se che fai moi lento, é posible que o corpo/mente che estén pedindo un cambio ao multinivel cañero.
FILOSOFÍA E METODOLOXÍA

Tras unha década impartindo clases de lindy hop, solo jazz e outras modalidades de bailes swing baixo o paradigma tradicional de niveis (básico, intermedio e avanzado), chegamos á conclusión de que o nome do nivel non determina o nivel real do grupo. Os grupos a medida que van aprendendo, aínda que atendan os mesmos contidos, vanse diversificando. Isto é normal, natural e bo: somos persoas diferentes, con diferentes experiencias, diferentes capacidades, diferentes formas de ver o mundo, diferentes corpos, diferentes todo. 

A veces o sistema no que vivimos quere aproveitar estas diferenzas para nivelarnos, clasificarnos entre mellores e peores, poñernos nota do 1 ao 10: sobresaliente, notable, suficiente, insuficiente, necesita mellorar, progresa adecuadamente…

Pero o baile non é unha ciencia exacta, o baile é unha forma de arte, unha expresión cultural cunha linguaxe concreta e ademais unha forma de expresión individual moi persoal. Todes adquirimos competencias durante a aprendizaxe, a veces non as mesmas: algunhas persoas teñen máis capacidade de control corporal, outras máis precisión rítmica, outras son máis musicais, outras teñen máis naturalidade no baile, outras aprenden rápido algunhas cousas, e lentas outras… outras moven máis a cabeza, outras as cadeiras, outras os pés. Algunhas persoas xa veñen moi conectadas á música jazz, outras nunca o escoitaron e van conectando pouco a pouco durante a súa aprendizaxe. Outras teñen que derribar algunhas barreiras psicolóxicas e sociais para liberar o seu corpo…. E así poderiamos seguir ata o infinito.

Partindo desta realidade, desta diversidade na que asumimos as nosas diferenzas sen compararnos entre nós, queremos darlle forza ao poder dun grupo abertamente multinivel. Un grupo no que somos conscientes das nosas diferenzas, no que traballamos en equipo por atopar os puntos fortes de cada un e cada unha de nós, para que todo o grupo se beneficie deles. Un espazo grupal no que poñer en práctica a ética sudafricana do ubuntu:  se o grupo aprende, eu aprendo; e se eu aprendo, o grupo aprende.