Swing On WIC.end

24, 25 e 26 de febreiro | 4 horas de clases de lindy hop nivel aberto | 1 festa con música en directo | 1 festa con DJs | 1 vermú con entrevista ao equipo de profes

O Swing On WIC.end é un weekend cheo de música e baile swing. 

No WIC.end celebramos o jazz, o lindy hop,  o frío do inverno e o calor da nosa comunidade. 

As estrelas do WIC.end son persoas súper importantes na nosa comunidade, presentámovolas:

Karen Campos e Carlos Tomico son ben coñecidos na comunidade swing galega, e especialmente en Compostela, onde levan anos traballando para crear a bonita comunidade swing. 

Karen foi unha das fundadoras da Asociación Compostela Swing e impartiu clases tanto de lindy hop como de solo jazz, ademais de organizar algúns obradoiros con profes externos, e encargarse da selección musical en moitas das súas festas. Tamén fixo a tradución ao castelán de La Reina del Swing. Las memorias de Norma Miller, e investigou sobre a historia do lindy hop (sempre con perspectiva de xénero), o que a levou a recibir unha beca da Frankie Manning Foundation para facer unha estancia en Harlem onde puido ampliar a sua investigación. 

Carlos Tomico é membro de Compostela Swing e, dende fai anos, o profesor que imparte as clases en Compostela a través da Escola de Danza Alfaia, ademais de ser DJ de swing en Compostela e Vigo. Carlos tamén é mago e forma parte da cooperativa Magia en la manga, e é o impulsor da marca de moda vintage de cabaleiro Professor Cumberland. Swing, moda e maxia son tres cousas que no universo Carlos están estreitamente relacionadas. As súas clases, cheas de enerxía, reflexan o coidado que Carlos pon no respecto ás orixes do lindy hop e ao seu contexto histórico e social. 

Alba Cobo e Isaac Pujales xogan na casa. E a xente de casa estamos felices de telos xogando por aquí, porque son unxs riquiñxs. Alba e Isaac compleméntanse perfectamente, e xuntos crean un clima de traballo súper cómodo para explorar e seguir mellorando no noso baile. 

Ambos comezaron hai 4 anos en Swing On, e dende o primeiro día xa se miraba que ían petalo porque sempre facían máis do que se traballaba en clase, e sempre estaban cheos de curiosidade por aprender máis e ir máis e máis lonxe. A raíz do confinamento comezaron a traballar online coa xente de El Taller Swing (María, Aurélien, Laia e Gus). Alba comezou a explorar máis e máis o seu movemento corporal, Isaac caeu namorado dos ritmos, e ambos conseguen encher de texturas, ritmo e movemento cada un dos temas que bailan. 

En 2021, representando a Vigo, chegaron á final do Open Classic Lindy Hop do ILHC, a competición internacional de lindy hop máis coñecida no mundo. 

Pero isto é só o comezo, Isaac e Alba son aínda moi novos, así que aínda lles queda camiño por percorrer! (e nós seremos testigxs!!)

Marta Mera e Martín Rigz Group

Co pianista e cantante Martín Rigz e o seu trío xa bailamos algunhas veces en Galicia e son un espectáculo. Cun repertorio moi ben escollido, demostran unha grande sensibilidade á hora de interpretar temazos swing, e encher a música de swing que, de verdade, permanecer moito tempo sen bailar é bastante imposible. 

Martín Rigz que estudou jazz no Superior de Jazz de Mayeusis, é un músico profesional que vai con todo, pon a súa alma no que fai, no que compón e no que interpreta. Nesta ocasión lidera o combo xunto á cantante de jazz Marta Mera, muller cunha voz chea de luz, que pouco a pouco está dando que falar no mundillo do jazz galego polo seu talento. 

Xunto a Marta e Martín, marabilla de sección rítmica a cargo de Juan Alonso (contrabaixo) e Juan Guerrero (batería). Ambos son alumnos do Superior de Jazz de Mayeusis, e membros -xunto a Marta e Martín- da Imagine Jazz Orchestra liderada por Joan Chamorro, ademais de ter outros proxectos entre mans cos que se van abrindo paso na escena galega do jazz. 

Aínda que cada vez son músicxs máis coñecidxs, o grupo ao completo forman parte das novas xeracións do jazz vigués, e se aínda non os coñeces, esta é a túa oportunidade de facelo!! Vas flipar, en serio. 

PROGRAMA

Venres 24

21.00h-00.30h Festa con DJs. Sala Kominsky (Irmandiños, 3)

Sábado 25

10.00h-14.00h: Clases de lindy hop nivel aberto. Escola de baile Inés Núñez (Uruguay, 6)

Todas as persoas inscritas terán 2 horas de clase con Karen e Carlos e 2 horas de clase con Isaac e Alba. 

21.00h-00.30h Festa con Marta Mera e Martín Rigz Group. La Fabrica de Chocolate. (Rogelio Abalde, 22)

Domingo 26

12.30h-16.30h: Vermú swing + picoteo de Outro Conto + café con entrevista a Karen, Carlos, Alba e Isaac. A Morada Cooperativa (Enrique X. Macías, 6)

*Os pinchos de Outro Conto pagaranse alí directamente. Non incluídos no prezo do WIC.end

PREZOS

Pase completo: Acceso a clases e festas

Ata o 31 de xaneiro: 60€

Dende o 1 de febreiro: 70€

Inscricións: https://forms.gle/qqtNxTZ5QdTRRSQo6

Festa do venres con DJs: 5€ .Entradas á venda a partir do 1 de febreiro en Swing On ou reservando no 687711436 

Festa do sábado con banda: 15€ Entradas á venda a partir do 1 de febreiro en Swing On ou reservando no 687711436 

Vermú do domingo con DJs: Entrada libre.